Mocidade
Nós somos o cemento que unirá os ladrillos que constrúan o socialismo. A Unión de Mocidades Comunistas debe ser o grupo de choque que en todos os terreos achegue a súa axuda e manifeste a súa iniciativa, o seu espírito emprendedor. A Unión debe ser tal, que todos os obreiros vexan nos seus membros xente cuxa doutrina lles sexa talvez incomprensible, en cuxas ideas non crean talvez inmediatamente, pero cuxo traballo real e cuxa actividade mostren que son eles os que indican o verdadeiro camiño.
– Tarefas das Mocidades Comunistas. V. I. Lenin
A mocidade traballadora e estudante atópase ante un momento de precarización extrema das súas condicións laborais e de vida, que a obrigan en moitos casos a emigrar para atopar unha mellor situación. O paro entre a mocidade, que superaba o 55% o pasado xaneiro, fai estragos entre este colectivo que non ve futuro e ten que conformarse no mellor dos casos con empregos temporais que pouco ou nada teñen que ver coa súa cualificación. Por mor das novas reformas en educación, a subida de taxas, a diminución das bolsas, o acceso á universidade e estudos superiores é cada vez máis difícil para a clase traballadora. Estamos a falar dunha auténtica expulsión da universidade dunha masa obreira que non ten outras expectativas que contratos temporais, horarios flexibles e salarios lixo.
Por outra banda, a vivenda segue sendo un problema que ningún sistema capitalista logrou solucionar. A mocidade faise á idea de que a única posibilidade de ter un teito será pagando os alugueres abusivos do mercado ou contraendo unha cadea perpetua de 35 anos cos bancos, os mesmos bancos que controlan o mercado inmobiliario e a especulación, o mesmos que dominan dunha forma directa ou indirecta a maioría de empresas do Estado.
A perda de referentes políticos e sindicais creou un baleiro ideolóxico entre a mocidade, que xa non ven partícipes e actores da política. O influxo do pensamento pequenoburgués individualista, o consumo masivo de drogas e o populismo das organizacións e sindicatos estudantís fascistas son algunhas das armas que esgrime a burguesía reaccionaria para neutralizar a combatividade e a resposta da mocidade.
Atopámonos entón cunha maioría de mozas en situación laboral e de vida precarias, que buscan unha saída pero non teñen referentes sobre como e que facer. Temos un papel relevante en canto á articulación dun movemento xuvenil combativo, e máis concretamente dunha mocidade comunista forte, sólida e estruturada que sexa capaz de dirixir este movemento. A mocidade comunista ten que ser unha auténtica escola de cadros, onde a organización se envorque na aprendizaxe da filosofía materialista e os principios do marxismo-leninismo.
Por tanto centrarémonos para traballar nos espazos estudantís (universidade, institutos e FP), as organizacións de barrio ou locais xuvenís, e os colectivos e coordinacións antifascistas.
Mocidade e educación
O sistema educativo, como tantas outras institucións de poder ten como finalidade o sometemento e o control por parte do Estado. Non é casual que nos últimos trinta anos se promulgaran ata once leis orgánicas de educación, e é que á burguesía lle interesa ter o control da institución do ensino xa que é unha poderosa ferramenta de control ideolóxico necesaria para manter a estrutura da clase dominante.
Ademais disto a educación no sistema capitalista dista moito de ser un dereito, converténdose ás alancadas no Estado español nun privilexio do que se ve privada unha cantidade cada vez maior da mocidade de clase obreira. Avogamos por iso por unha educación pública e universal así como pola abolición da educación privada e concertada creadas en base aos privilexios e desigualdades inherentes ao sistema capitalista.