A organización revolucionaria das mulleres traballadoras

2024-03-14T18:14:30+01:0014 de Marzo, 2024|Opinión|
Sobre la Inundación de Al-Aqsa, el papel del gobierno español y del comunismo.

A organización revolucionaria das mulleres traballadoras

O comunismo desafía a institución na loita das mulleres

-Iniciativa Comunista

O movemento feminista como espazo de masas estatal

Tras a crise do 2008 e o novo ciclo político que supuxo o 15M, as Marchas pola Dignidade e outros movementos sociais de gran impacto, unha nova xeración de militantes encheu o escenario político. Estes novos militantes atopáronse cun Movemento Feminista que experimentara un auxe significativo, consolidándose como espazo de masas estatal. Grazas a este movemento, a sociedade do Estado español desenvolveu unha alta conciencia feminista, levándose a cabo folgas e manifestacións que rompen récords de asistencia.

O movemento comunista non logrou adaptarse de maneira efectiva a este novo contexto social e político, e mantívose atrapado en dinámicas sectarias que provocaron a súa fragmentación. Un dos aspectos que explica a súa perda de relevancia foi a falta dunha liña clara e sólida respecto á cuestión da muller. O comunismo, visto desde fóra, parecía relegar a opresión que sofren as mulleres a un segundo plano; afastábao das preocupacións e necesidades actuais da sociedade.

Como consecuencia, a nova xeración de militantes atopou maior afinidade e involucrouse principalmente nas asembleas feministas. Estes espazos resultan máis atractivos, novos e frescos para as mozas, quen atoparon neles unha plataforma para expresar as súas demandas e participar na loita pola igualdade de xénero, mentres que as organizacións comunistas foron percibidas como caducas e afastadas da realidade das mulleres.

Os límites do feminismo: institución e interseccionalidade

Na actualidade, o feminismo converteuse nun movemento de masas que aglutina a un gran número de mulleres proletarias. Porén, é fundamental realizar unha crítica contundente ás ideoloxías interclasistas e reformistas que desvían os esforzos e enerxías das activistas daquilo que determina e reproduce os problemas contra os que loitan: o modo de produción dominante, que na nosa época é o capitalista.

O movemento feminista hexemónico ten unha concepción de si mesmo correspondente ás teorías interseccionais, que conciben as opresións como sistemas independentes, autónomos, que se interconectan entre si. Con todo, esta perspectiva difire do enfoque marxista, que entende ao capitalismo —por ser o modo de produción imperante— como unha totalidade que configura e perpetúa toda opresión.

Aínda que é importante recoñecer a diversidade de experiencias e loitas das mulleres en función da súa raza, orientación sexual e outros aspectos, as perspectivas interseccionais descoidan a base material compartida e as relacións de produción na súa explicación das opresións. Isto débese a que posúen un entendemento de cada fenómeno (raza, xénero ou clase) como procesos históricos separados e comparables, con motores propios que os auto-reproducen [1]. Son un intento insuficiente de superar a fragmentación das loitas, incapaces de sinalar o modo de produción capitalista como aquilo que determina todas as relacións sociais; que sostén en última instancia cada unha das diferentes opresións. É, desta maneira, como o feminismo atopa os seus límites para lograr a emancipación das mulleres.

Desde unha perspectiva marxista, é fundamental comprender que as diferentes opresións son produto das relacións sociais capitalistas. Polo tanto, a loita contra a opresión das mulleres debe ir da man coa loita contra a explotación capitalista e a transformación revolucionaria da sociedade.

No entanto, é importante destacar que esta crítica ás teorías interseccionais do feminismo non implica un desprezo total cara a elas. O feminismo desempeñou un papel crucial ao pór de relevo as múltiples formas de opresión que enfrontan as mulleres e ao desafiar os comportamentos machistas nos espazos comunistas. 

Na actualidade, debido á fragmentación do movemento comunista e á súa incapacidade para brindar unha dirección revolucionaria ás loitas de masas, do movemento feminista só subsisten e se fortalecen os sectores máis institucionalizados. Aínda que ocupe posicións hexemónicas dentro do Estado, o feminismo institucional reconfigurará as súas demandas en función do que sexa “asimilable” para a reprodución do capitalismo, descartando aquelas reivindicacións que poderían ser verdadeiramente revolucionarias.

Superando as limitacións desde o marxismo

Dentro das organizacións comunistas, xurdiron dúas posturas distintas en resposta ao auxe do movemento feminista e á falta dunha análise marxista propia da cuestión. Ambas as posturas presentan limitacións significativas que cómpre superar.

En primeiro lugar, atopamos a aqueles comunistas que adoptan posturas feministas de maneira acrítica. Estas organizacións enchen os baleiros que o movemento comunista non logra articular, asumindo teorías alleas ao marxismo. Seguindo a corrente interseccionalista do feminismo, consideran que a loita polo comunismo debe abarcar unha amálgama de etiquetas, como o anticapitalismo, feminismo, antirracismo e antiimperialismo. 

Doutra banda, atópanse os comunistas reaccionarios que renegan rotundamente do feminismo e adoptan posturas machistas e transfóbicas, sen abordar nin desenvolver de maneira adecuada a cuestión de xénero. Ademais, estes grupos ven con hostilidade ao movemento feminista e consideran que tratar a cuestión da muller é secundario ou mesmo innecesario na loita polo socialismo.

Ambas as posturas presentan limitacións e contradicións significativas. Mentres que a primeira tende a diluír a loita de clases nunha amálgama de loitas parciais, a segunda subestima e menospreza a opresión e a importancia da liberación das mulleres, reducindo a condición de proletario a un binarismo de venda de forza de traballo no canto do lugar concreto na produción e reprodución da sociedade que ocupa. En ambos os casos, a falta dunha análise marxista profunda e coherente sobre a cuestión de xénero leva a unha visión fragmentada e limitada da loita revolucionaria.

É necesario superar estas posturas contraditorias e desenvolver unha análise marxista sólida sobre a opresión de xénero no capitalismo. Isto implica comprender que a liberación da muller non é un mero engadido ao proxecto comunista, senón unha parte intrínseca e indispensable da loita pola emancipación da clase obreira na súa totalidade. Só mediante un enfoque marxista integral poderase avanzar cara a unha transformación revolucionaria que aborde de maneira efectiva as opresións que sofren as mulleres.

Cara a unha reflexión crítica

Nin a adopción acrítica de posturas feministas interclasistas nin a negación ou minimización do feminismo ofrecen respostas satisfactorias á opresión das mulleres no capitalismo. A liberación das mulleres non pode ser considerada como un aspecto secundario na loita revolucionaria. Debe ser recoñecida como unha parte integral e esencial da loita pola emancipación da clase obreira no seu conxunto. Isto implica entender o capitalismo como totalidade que abarca todos os aspectos da sociedade, e non como un sistema entre moitos que causa opresións ligadas ao que coloquialmente se entende como “o económico”. Cómpre construír unha perspectiva científica e revolucionaria da realidade.

É fundamental que as organizacións comunistas asuman a tarefa de procesar criticamente desde o marxismo as posturas do feminismo que adoptasen ao longo desta década. Só a través deste proceso de reflexión crítica e construción teórica, poderase avanzar cara a unha verdadeira emancipación das mulleres e a clase obreira na súa loita contra o sistema capitalista e todas as súas formas de opresión.

Construír o Partido da nosa emancipación

Se nos partidos comunistas e nos sindicatos militan un número moi baixo de mulleres hai que adaptar a práctica revolucionaria e crear órganos e propaganda especificamente para as reivindicacións das mulleres co fin de atraelas á organización e á revolución.

Clara Zetkin

Chegados a este punto, toca poñer en práctica a nosa proposta política. Afirmamos sen complexos que só a loita pola revolución e o comunismo poderá sentar as bases para a emancipación real das mulleres traballadoras en tanto que traballadoras e en tanto que mulleres. Porén, como debemos estruturar esa loita? Como nos organizamos para isto? Que debemos ou podemos facer aquí e agora? Buscar como responder a estas preguntas arredor da emancipación das mulleres é a única vía para achegarnos un pouco máis a ser unha forza real que avance con paso certeiro nesta loita.

Unha vez exposto este marco político, necesariamente debemos de sinalar os criterios organizativos para esta tarefa. Como dicía Lukács, a organización e a forma que media entre a teoría e a práctica [2]. Eternamente relegada a un segundo plano como formalismo ou cuestión meramente loxística, a cuestión organizativa preséntase realmente como tarefa teórica de primeira orde: sen unha coherencia entre os obxectivos, a estratexia e as formas organizativas endexamais se poderá avanzar nos nosos obxectivos en tanto que só unha formulación organizativamente orientada permite criticar realmente a teoría desde o punto de vista da práctica [3].

Ao longo da historia, o «como» se debía organizar o Partido non foi un debate baleiro ou en balde. Así, Lenin soubo ver, en medio da tormenta contra a socialdemocracia na II Internacional ou na encarnizada loita contra os menxeviques no II Congreso do POSDR, que os debates arredor da organización obrigaban a tomar posicións e a «baixar» a teoría ao plano da práctica e da realidade máis inmediata de maneira que os oportunistas quedaban retratados.

Con lucidez, Clara Zetkin soubo analizar e propoñer solucións ás problemáticas emanadas da I e da II Internacional con respecto á emancipación das mulleres. Se ben da II Internacional saíron resolucións teóricas xerais sobre a loita das mulleres obreiras, a aplicación estratéxica das mesmas deixouse en mans de cada unha das organizacións socialdemócratas. Isto deu lugar a un abismo insuperable entre a teoría e a práctica, chegando a tomar postura algúns partidos socialdemócratas a favor do voto feminino restrinxido, por exemplo, en Inglaterra. Por este motivo, Zetkin foi unha das militantes que apremou e loitou por conseguir que existise unha Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas e que tivese representación nas Internacionais, desde onde poder abordar unha táctica e unha estratexia comúns que plantasen cara ao reformismo que se abría camiño e que levou a que a II Internacional se atopase á cola das masas femininas.

A Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas non foi, nin de lonxe, a única proposta organizativa das organizacións comunistas na loita pola emancipación das mulleres e no seu empeño por aumentar a participación das traballadoras nas organizacións políticas e nos sindicatos. Zetkin propuxo unha loita paralela onde tamén se facía axitación e se creaban espazos de mulleres fóra do partido: non só era necesaria a adopción de remedios concretos e de órganos especiais que se encarguen da axitación, a organización e o adestramento das mulleres senón tamén a axitación programada e constante entre as mulleres aínda afastadas do partido,  mediante asembleas públicas, debates e asembleas de fábrica, asembleas de amas de casa, conferencias de delegadas sen partido e apolíticas, axitacións nas casas [4], dicía Zetkin.

Queremos dicir con estas experiencias históricas que a solución está, por exemplo, en crear unha asemblea de amas de casa? Non. A idea fundamental que subxace a estes parágrafos é a necesidade de dar unha resposta organizativa ás análises e formulacións previamente realizadas. Poderíamos coller o exemplo histórico de calquera xornal dos que se realizaron para facer propaganda específica entre as mulleres: as opcións son moitas, de entre as que destacan, Rabónitsa (a muller traballadora) na Rusia ou Die Gleichheit (A Igualdade) en Alemaña; así e todo, non triunfariamos na nosa tarefa xa que estas ferramentas de propaganda non eran un mero apéndice, non eran unha mero reflexo práctico senón que eran o froito de toda unha análise política e organizativa e a súa concreción táctica.

En resumo, se algo nos demostra a historia é que o importante é ter claridade de principios, saber analizar as cuestións máis relevantes en cada momento histórico e en cada situación concreta, e ser o suficientemente flexibles na táctica para poder abordar os obxectivos propostos sen perder de vista en ningún momento o horizonte revolucionario. E isto último, só pode ser posible mediante unha organización estruturada e fortemente cohesionada onde a disciplina e a coordinación permitan unha acción programada e coherente para unha posterior análise de acertos e erros, e, se fose necesario, unha readaptación dela. Porén, unha organización estruturada e fortemente cohesionada non é algo que se poida conseguir a golpe de decreto ou de directriz senón que é o resultado do esforzo da militancia e a súa disciplina consciente.

As organizacións comunistas débense mostrar útiles para a emancipación das mulleres traballadoras. Para isto non bastan unha axitación e unha propaganda na que reivindiquemos con forza que si o somos, senón que temos que dar pasos á fronte e avanzar na consolidación dunha organización que realmente loite contra o sistema capitalista. Debemos marcar o noso propio camiño, dirixindo e promovendo a acción política, sen permitir que o reformismo sexa o que estableza a liña política e as formas organizativas. Só desta maneira, e a través dun traballo honesto coas nosas compañeiras, cada vez máis mulleres verán nas organizacións comunistas ou no futuro Partido Comunista unha ferramenta útil para liberarse das cadeas da súa opresión.

Doutra banda, no interno, nin os espazos de masas nin as organizacións comunistas demostraron ser, polo menos nas últimas décadas, espazos seguros para as mulleres. A ausencia de protocolos no caso de agresións, violacións ou malos tratos, ou a existencia destes pero como mero apéndice decorativo, levou a moitas mulleres a abandonar os nosos espazos, ás veces por obriga, para non compartir lugares comúns co seu agresor, ou a veces por simple dignidade e coherencia ante a situación vivida.

Finalmente, non só falamos de protocolos cando nomeamos a necesidade de mecanismos auténticos de igualdade dentro das organizacións, senón que debemos ser conscientes da carga política e persoal que as mulleres levamos sobre as nosas costas. A argallada por non quedar como unha organización reaccionaria levou a moitas organizacións a multiplicar as tarefas e as responsabilidades das mulleres, sen atender ás súas circunstancias concretas, as cales acabaron, no mellor dos casos, dimitindo ou mesmo abandonando a organización Por este motivo, a tarefa de formar politicamente ás mulleres da organización e promover o seu desenvolvemento como verdadeiros cadros comunistas para que asuman responsabilidades non pode ser unha obediencia cega.

Se o comunismo é a única vía de emancipación das mulleres traballadoras, a nosa contribución non se pode limitar a meras consignas propagandísticas ou, peor aínda, a unha declaración de intencións (postergar a loita das mulleres a un futuro remoto). Ao contrario, esta premisa debe ter repercusións prácticas, aumentar a capacidade política e de resposta das mulleres, o grao de conciencia e formación, asegurando espazos militantes onde os camaradas sexan verdadeiros compañeiros de loita. 

Desde os esforzos máis inmensos, como puido ser a articulación das internacionais, ata os detalles máis insignificantes do día a día están atravesados pola cuestión organizativa. Se queremos construír o Partido como vangarda real do proletariado, tendo plenamente en conta ás mulleres traballadoras, debemos darlle forma atendendo a todas e cada unha destas cuestións.

Bibliografía

[1] Kimberlé Williams Crenshaw. Demarginalizing the intersection of race and sex: A black feminist critique of antidiscrimination doctrine, feminist theory and antiracist politics.

[2] Georg Lúkacs. História e Consciência de Classe (1923).

[3] Ibid.

[4] Clara Zetkin. La cuestión femenina y el reformismo.

Go to Top