Cretinismo electoral no Estado español

2023-12-26T02:13:25+01:0019 de Xullo, 2023|Opinión|

Segundo Marx e Engels, o cretinismo electoral é a fe dos oportunistas en que o sistema parlamentario de goberno é omnipotente e a parlamentaria a única e principal forma de loita política en todas as circunstancias [1]. Hoxe, esta práctica mantense con vida no Estado español, e do mesmo xeito que outrora, vese reflectida con especial claridade na nosa socialdemocracia. Nin moito menos se trata dun fenómeno de carácter nacional, pero é a nosa realidade concreta a que facilita a súa percepción e crítica. Tampouco é unha actividade gobernada en exclusividade pola socialdemocracia, con todo, nas súas mans constitúe unha arma que apunta directamente á cabeza do proletariado. É máis, as raíces do cretinismo electoral tamén se estenden no seo do movemento comunista, o cal fai aínda máis urxente elaborar unha resposta que nos permita seguir construíndo a independencia política da nosa clase.

Un xiro de 360 graos

Pasou máis dunha década desde que centos de miles de «indignados» saíron á rúa para protestar contra a reforma laboral aprobada polo entón presidente José Luis R. Zapatero. Un movemento popular, difuso, sen unha dirección clara, fixo saltar as alarmas do conxunto da «esquerda» española. O Partido Comunista de España (PCE) e a súa ferramenta política, Esquerda Unida (EU), sumidos desde hai moito tempo na política institucional, e afastados desde fai uns cuantos anos máis da senda revolucionaria, víronse excedidos. Igual ocorreu cos sindicatos maioritarios. As mocidades do PCE (UJCE), aínda que tamén abrazaron a doutrina do reformismo, o medio pé que aínda mantiñan fóra da institución permitiulles ter un rol máis ou menos activo, aínda que deficiente cuantitativa e cualitativamente. O papel dos destacamentos comunistas, pola súa banda, máis aló do concienciudo traballo nalgún que outro espazo de masas, resultou irrelevante. O certo é que o 15M foi un estalido espontáneo polo que sobrevoou o cuestionamento de moitas figuras políticas do capital, pero que sen un Partido Comunista con liña revolucionaria, volveu a subsumirse á lóxica do reformismo. Nun momento no que o Réxime parecía esgotar calquera alternativa para a canalización, en clave reformista, do descontento xeneralizado, a vía electoral foi posta en dúbida. Ou polo menos desde un sector relativamente consciente do proletariado.

A resposta do capital non tardou en chegar. Un grupo conformado pola intelectualidade pequenoburguesa universitaria, a quen a «política tradicional» —a burocracia endémica do PSOE e EU/PCE— cortara as ás, soubo aproveitar o momento mellor que ninguén. Perante a debilidade organizativa do comunismo, o camiño atopábase despexado para que o oportunismo florecese alá por onde quixese. E así o fixo, nuns poucos meses Podemos converteuse na forza política máis influente á esquerda do PSOE desde a Transición. O resto da historia xa a coñecemos: quen pretendía «asaltar os ceos» segou calquera brote de conciencia desenvolvida fronte á institución burguesa e o seu funcionamento; apontoaron os cimentos do capital e do Estado e tras axitar o galiñeiro devolvérono envolto cun lazo vermello e outro rosa. Agora, diante dun movemento de masas catatónico, o fillo bastardo de Podemos, Sumar, recolle o seu legado e abre de novo a porta ao arribismo da socialdemocracia profesional máis aló das fronteiras do PSOE.

Baleiro sanitario

A poucos días das eleccións do 23X a socialdemocracia no seu conxunto, a alternativa e a profesional, aventuráronse nunha competición por ver cal das dúas é máis útil ao réxime imperialista español. Un dos baremos que elixiron para xulgar o seu servilismo é o voto; o voto como símbolo e exercicio de fe dun proceso electoral onde o proletariado debe elixir entre o falso dilema do malo e o peor. Parece que só queda resignarse e tentar responder á pregunta que nos impoñen: quen será o peor representante da vontade do pobo? En caso de coñecer a resposta, has de facerte a mesma pregunta e continuar descartando ata chegar a algún que máis ou menos che encaixe. Se aínda así non gostas de ningún, pois vota a PACMA, ou na súa falta, a algún que outro Partido Comunista —en maiúsculas— que poida ver realizado —dunha vez por todas— o seu altofalante nas urnas. Pero ante todo, non sexas parvo e non chegues a esta situación, o primeiro: o voto útil.

Brincadeiras aparte e centrándonos no discurso da socialdemocracia, do mesmo xeito que fixo Podemos e antes deles outros tantos, o seu obxectivo foi a lexitimación do Parlamento como ente soberano. É perante este ataque á conciencia  do proletariado que os comunistas debemos expor a verdadeira pregunta sobre esa melódica soberanía: para que clase?

Os reformistas presentan en cada comicio un «novo» programa repleto de medidas co que pretenden cativar ao proletariado; prometen acabar co desemprego, os desafiuzamentos, a represión etc. Entre bastidores, porén, ocultan que aqueles fenómenos que atravesan a vida do proletariado son representacións lóxicas dunha sociedade construída sobre o dereito á propiedade privada. Consecuentemente, esquecen que é o ser social o que determina a súa conciencia e non ao revés, e que polo tanto, tan só acabando coa estrutura económica que constitúe a produción social poderase poñer fin á actividade política —e xurídica— burguesa.

Nos últimos anos puidemos comprobar como a entrada ao Goberno da socialdemocracia radical non supuxo ningún avance para o proletariado. Non podía ser doutra maneira. Independentemente da vontade do reformismo, o Parlamento, así como calquera institución emanada da ditadura do capital, non representa a vontade emancipadora da nosa clase.

A ideoloxía burguesa impregna a nosa rutina. A representación parlamentaria formaliza a ilusión pola cal o patrón goberna para os seus escravos. Combater a ideoloxía dominante implica construír e contrapoñer a nosa independencia ideolóxica: a ideoloxía do proletariado en tanto que suxeito político no devir do novo mundo.

Sen un Partido con liña revolucionaria, ser cómplice da farsa electoral, ben desde o sumidoiro da reforma ou ben desde a táctica propagandística, supón un reforzo para a doutrina burguesa. A opacidade política converteu «A enfermidade infantil do esquerdismo no comunismo», así como outras obras, en fábulas baixo as que esconder o fetiche da espontaneidade. Aínda cando o comunismo segue causando pavor entre a clase capitalista, atopámonos nunha situación de debilidade que require focalizar os esforzos nas nosas tarefas máis inmediatas [2]. Só así poderemos asentar unha base o suficientemente sólida que nos permita avanzar cara á posición histórica da nosa clase. Por esta razón, o apoio consciente ou inconsciente ao exercicio parlamentario aviva o cretinismo electoral.

Queda claro que ningún partido burgués representa os intereses do proletariado. Tampouco as súas ferramentas supoñen, a día de hoxe, un soporte para os nosos intereses. Tan só a organización á marxe das súas urnas, baixo as filas do socialismo científico, poderá elevar ao proletariado a unha posición onde desenvolver o noso potencial emancipador.

Por Bruno Daimiel

Go to Top