Novamente caen as caretas

2023-08-31T17:04:01+02:006 de Novembro, 2019|Opinión|

Despois dun período de ‘esquerda’, os anarquistas, decepcionados, din ‘non votedes’, e a súa abstención permite un escrutinio favorable á dereita; despois da dominación das dereitas, o obreiro rebélase e renuncia ó abstencionismo, pero, como non ten candidato propio, a ‘esquerda’ triunfa sen representalo.

Historia de España – Pierre Vilar

Como comentabamos no artigo de abril sobre as anteriores eleccións, se queremos rachar co péndulo electoral que encadea ó pobo e lle leva ó apoliticismo, ó abstencionismo pasivo do esgotado, debemos primeiro axudar a entender que sucede e en segundo lugar construír referentes que fagan que a clase obreira entre na historia, o Partido. Construamos pobo, construamos clase e construamos os referentes da nosa clase. Deteñamos o engano do péndulo electoral que nos hipnotiza; a uns para sacrificalo todo por un posibilismo baleiro, a outros para levalos á apatía anarquista e afástalos de toda política.

Xa pasou o suficiente tempo como para que sexa posible facer unha breve reflexión crítica sobre as pasadas eleccións e albiscar que nos agarda o día seguinte ás eleccións do 10 de novembro. Este breve balance crítico non busca o resultadismo do “xa volo dixemos”, de pouco vale saber que deparan os acontecementos se non hai capacidade suficiente para cambiar o rumbo das cousas antes de que sucedan. Con todo, as eleccións e o goberno provisional despexaron toda dúbida sobre que, en primeiro lugar, os aparellos de prensa elevaran a Vox para poder glorificar como heroe salvador da esquerda a Pedro Sánchez. En segundo lugar, Pedro Sánchez e os seus xefes xamais pretenderon un goberno reformista con Podemos. Non o fixeron nin no 2015 (primeira investidura de goberno abalada por Cs), nin no 2016, nin na moción de censura en 2018 (asinada só con Cs), nin nas pasadas eleccións de 2019 (coa farsa de pacto con Podemos). Por desgraza hoxe só semella reinar o silencio onde onte as voces da urxencia electoral asolagábano todo. Ogallá que hoxe que xa caeron todas as caretas, todas esas voces que de xeito vehemente chamaron ás urnas para parar á dereita, aínda garden un pouco de vehemencia para criticar esta farsa que se vai saldar cun goberno de dereita encabezado polo desexado Pedro Sánchez. A memoria é imprescindible se queremos sacar leccións e responder ante estas tretas do poder para asegurarse a supervivencia.

A conxuntura xeral destas eleccións está marcada pola crise económica internacional e a crise política nacional. No ámbito económico xa hai meses que os grandes fondos veñen desfacéndose ós poucos do seu stock inmobiliario, a política de intereses baixos do BCE non está a servir para reactivar a economía ademais de soster o crecemento económico baixo o endebedamento, facilitando a especulación a curto prazo. A nova política arancelaria de EEUU é unha nova volta de porca na caída do crecemento económico que pode precipitar o desencadeamento dunha crise. No marco europeo ademais da crise arancelaria temos o Brexit e unha Alemaña en declive económico. No ámbito nacional o Estado debe asegurar canto antes a estabilidade de goberno a calquera prezo nun marco de crise política en Catalunya tras a sentenza do xuízo do procés. O proceso independentista en Catalunya supuxo un duro golpe a unha das bases fundamentais do Estado como é a unidade nacional. A cuestión catalá segue sendo o problema non resolto do Estado que dana realmente a estabilidade do sistema (só hai que ver o estancamento das proxeccións económicas en Catalunya dende hai 2 anos).

ESCENARIO MÁIS PROBABLE DAS ELECCIÓNS

O escenario que vaticinan as enquisas dá líder ó PSOE mantendo resultados semellantes ós das anteriores eleccións cunha máis que posible lixeira baixada en escanos. O gran beneficiado sería o PP que tivo tempo para coller osíxeno, ir abandonando a proximidade con VOX para moderar o seu discurso e deixar os fortes principios de dereita pola indefinición, ser a gran casa de todo aquilo que estea á dereita do PSOE, os bos xestores do Estado. Aínda que en xeral as enquisas non adoitan rematar de situar correctamente a Ciudadanos, todo apunta a unha forte desfeita como nos aventurabamos a prever para as anteriores eleccións. Pola súa banda Más País é probable que saque entre 5 a 10 escanos roubados case todos eles a Podemos que ficaría como terceira forza política. Finalmente seguindo a tendencia das autonómicas Vox seguiría un leve descenso.

Un resultado tamén relevante sobre estas eleccións é que se vaticina un aumento da abstención que ecoa con que unha das maiores preocupacións da xente sexan os políticos e a corrupción xunto co paro. Este aumento da abstención podería beneficiar ó PSOE que mantería a primeira forza fronte a un bloque de dereitas en retroceso pola posible desfeita de Cs esnaquizado polas fugas cara a un PP máis centrado e en recuperación e un PSOE que se afasta de Podemos. A tendencia xeral dos partidos foi a teoría de Fraga, conquistar o centro para recuperar maiorías, pola súa banda o PP apelando á moderación ó estilo Feijoo e o PSOE ondeando a bandeira do 155 mentres lle chisca o ollo a Ciudadanos.

O xogo de trileiros de pactos de goberno semella pór sobre a mesa novamente o pacto que xa anunciabamos como o máis favorable para a oligarquía española, o pacto “socio-liberal” PSOE+ Cs ó que viría sumarse Más País para completar a xogada. No caso de que os números sigan sen saír, o PP xa deu claros sinais de aceptar o compromiso histórico a non boicotear a formación de goberno. Como afirmou Casado, “se gañamos, desbloquearei o Goberno, mesmo co PSOE”. A crise avecíñase e precísase un goberno con capacidade de acometer as reformas que os poderes económicos deste país necesitan para manterse á boia.

O PSOE E O COMPROMISO HISTÓRICO

Pedro Sánchez o noso Fernando VII particular que en seis meses pasou de ser “o desexado” nas últimas xerais para desvelarse finalmente coma un moderno “Rey felón”. A ambición de poder de Pedro Sánchez amosou ir moito máis aló do que ninguén agardaba. Caído en desgraza por designio das oligarquías do país a finais de 2016 para regresar contra todo prognóstico en 2017 e pisar a Moncloa en 2018 tras a moción de censura. Con todo, para ese entón Pedro Sánchez xa pedira ser fillo adoptivo do IBEX sendo merecedor de tal honra pola súa “submisión e enteira obediencia ás súas intencións” como tería dito Fernando VII. Malia ser aclamado polo seu partido como unha liña de esquerda fronte a Susana Díaz, a realidade é que Pedro Sánchez en todas as ocasións que tivo oportunidade de realizar pactos e compromisos só tivo ollos para Cidadanos. Mentres cunha man sacudía ó lobo do fascismo de Vox para asustar á esquerda coa outra man estaba a tentar pactar gobernos de concentración coa cara amable da reacción. Dende o 2015 Pedro Sánchez non deixou de demostrar que as liñas vermellas que lle veñen impostas están en Podemos e o apoio dende o independentismo. E con este simple truco de trileiros tiñamos en abril a gran parte de sectores “de esquerda” dando aclamacións a Pedro Sánchez como o salvador da nación. Por desgraza e como xamais deixamos de denunciar, tanto o neoliberalismo como o “socioliberalismo” do PSOE conforman un mesmo bloque histórico fundamental para asegurar a estabilidade do Estado, defendendo os intereses da gran burguesía deste país. Como dixemos no noso anterior comunicado, sexa quen sexa o inquilino da Moncloa, terá unha pistola apuntando á súa tempa. Lembrade que calquera presidente é refén dos seus pactos e Pedro Sánchez xa viviu nas súas propias carnes que o IBEX é capaz de facerlle caer se non cumpre os seus mandatos. Como dicía Bertolt Brecht “o peor de todos os bandidos é o político corrupto, mequetrefe e lacaio das empresas nacionais e multinacionais”

Non debemos esquecer as declaracións de Pedro Sánchez en 2016 onde desvelaba que o IBEX35 e especialmente Cesar Alierta a través de presións realizadas mediante o grupo PRISA e El País para non pactar con Podemos e non coquetear con posibles abstencións necesarias dende o independentismo. Resultado disto foi que as primeiras candidaturas de Pedro Sánchez sempre tivesen como socio preferente a Albert Rivera. Para quen non coñeza a Cesar Alierta ademais de presidir Telefónica; xunto con Emilio Botín dirixía o poderoso lobby Consejo Empresarial para la Competitividad (CEC) que reunía a grandes empresas e bancos do país para trazar as políticas de Estado que defendesen os seus intereses. Este lobby foi determinante durante o goberno de Zapatero cando foi creado tras varias reunións do presidente con grandes empresarios nacionais. O propio Alierta declaraba: “Seis anos despois [da crise] e consolidada a recuperación económica podemos sentirnos satisfeitos do traballo realizado e de cumprir os obxectivos que motivaron a creación do CEC”.

En só medio ano as caretas caeron definitivamente e onde Pedro Sánchez dixo Estado plurinacional hoxe soan ecos de 155 e unha sentenza por terrorismo contra os CDR, onde dixo Pablo Iglesias como socio preferente hoxe xa soan campás de voda con Albert Rivera. A realidade é que estamos preto dunha crise e os poderes do Estado non se poden seguir permitindo ter eleccións xerais cada ano, requírese dun novo compromiso histórico dos grandes partidos de Estado que habilite un goberno capaz de realizar as medidas contra a crise que protexan os intereses da oligarquía. Como dixo o propio Sánchez “vén unha crise e nesta ocasión repartiremos as cargas entre todos” e cando o PSOE fala de repartir cargas entre todos xa sabemos que se refire ás costas da clase traballadora. Aínda que o PSOE vista de esquerda, do IBEX queda.

Tras a falsa negociación con Podemos a maquinaria propagandística xa se puxo en marcha. A dereita chamando á responsabilidade e que hai que formar goberno custe o que custe pola crise, o PSOE instigando ó 155 e así cando se lles pille a Rivera e a Sánchez compartindo alcoba serán aplaudidos pola súa responsabilidade de Estado. A militancia do PSOE feliz por pisar a Moncloa e a dereita contenta porque Cs manterá baixo control a Catalunya e atará curto ó PSOE. A prensa pola súa banda colgando o San Benito a Podemos de boicoteadores nunhas negociacións que eran pura ficción, onde se chegaron a realizar filtracións sobre estas negociacións cando foi preciso. A isto súmase a exhumación a Franco como xesto electoral para que á xente que berraba aquilo de “con Rivera non” non se desmobilice completamente dando unha de cal e outra de area.

Sen dúbida o control dos tempos antes das eleccións do goberno é evidente, nas semanas previas ás eleccións temos exhumación e sentenza contra o procés, centrando o foco na criminalización ós malos e violentos xunto ó irresponsable de Torra para deixar abertas vías de control ó resto do independentismo. Todo apunta a que a liña do PSOE será reprimir ós grupos máis combativos do independentismo e cargarse a algunha cabeza de turco na Generalitat como Torra, para finalmente pactar un novo pacto de Estado co independentismo institucional que xa se atopa esgotado, sen saída e cunhas masas que hai tempo que lles adiantaron.

Para dar a puntilla aparece unha nova esquerda medio progresista medio moderada, medio revolucionaria medio de Estado, medio oportunista, medio pragmática e sobre todo que entre o que cre ser e o que é media unha distancia medio grande que diría Benedetti. Más País será o novo zapatiño esquerdo do PSOE, esta vez é un zapatiño verde e biodegradable, un zapatiño mellor valorado polo IBEX.

MÁS PAÍS, A BISAGRA DA MONCLOA E A ESTRATEXIA DE PODEMOS

Íñigo Errejón presenta o seu proxecto Más Madrid como “antídoto á abstención” e a responsabilidade faia antepor ó país por riba das siglas individuais. Esta profunda responsabilidade de Estado desenvolveuna na maior parte da súa campaña electoral sen programa a un mes das eleccións e con declaracións que afirman que “poremos os nosos escanos ó servizo dun Goberno progresista”. A realidade do proxecto político do oportunista patriota é bastante máis crúa do que se nos quere presentar nos medios. A realidade é que a extensión web de Más País foi rexistrada o 29 de maio, 3 días despois das eleccións autonómicas e por tanto moito antes que o fracaso nas negociacións de goberno. Sen dúbida Errejón foi o máis adiantado da súa clase, o deber de Estado invadiulle meses antes de que as negociacións de goberno fracasasen.

É curioso tamén que tras tantos meses Errejón se erixa como referente da esquerda responsable para axudar a desatascar un goberno progresista nun partido que nace antes que o seu programa. A única promesa de Errejón non está na súa política social senón no seu compromiso en apoiar o goberno progresista, é dicir, o goberno do PSOE. Errejón do mesmo xeito que Pedro Sánchez antes que el, promove o medo á repetición electoral que só beneficiaría á dereita e por tanto o seu obxectivo é en si mesmo a conformación de Goberno. Errejón deixou claro que o estilo de confrontación nas negociacións non vai con el e que ser o máis duro e inflexible nas negociacións prexudica ó país. É normal que con estas declaracións Pedro Sánchez afirmase que prefire negociar con Errejón que con Podemos, ó final todo queda na casa.

A estratexia é tan evidente que parece imposible que vaia a convencer, pero os medios xa se encargarán de que o pobo trague coa medicina. Más País é unha esquerda amigable que permite a gobernabilidade do PSOE sen quitarlle o sono nin a Pedro Sánchez nin ós seus xefes do IBEX35 mentres debilita a Podemos e apontóase a imaxe de Pablo Iglesias como o gran culpable da repetición electoral. Errejón como alto paladín do oportunismo que é, ten os principios como lastre fronte ó pragmatismo que todo o pode. O seu pragmatismo ou tragadeiras lévanlle a aceptar o goberno co PSOE incluso se este aplica o 155, como el mesmo dixo, “Non habería que hipotecar un goberno progresista en España por esa decisión [a aplicación do 155 por parte do PSOE antes das eleccións]”. Para o pragmático Errejón a represión aberta a unha nación enteira do país xunto co secuestro das súas institucións e a criminalización de todo o movemento independentista é un simple estorbo a esquivar. Errejón estómago de teflón, esófago antiadherente para que non supoña molestia tragar con todo o que obrigue o PSOE, Errejón é o único que, hoxe, tras todas as xogadas de Sánchez pode defender sen taparse o nariz que darlle unha carta branca ó PSOE para que goberne con Cs vai rematar nun goberno progresista para este país. Mexan por nós e din que chove.

Pola súa banda a estratexia de Podemos só pode pasar por elevarse como a única oposición ó bloque hexemónico do Estado. Con todo, Podemos foi ferido duramente dende fóra e dende dentro con todos os medios que o Estado mobilizou (e que non son todos os que chegou a mobilizar noutros casos chegado o momento como no caso de Herri Batasuna ou como está a acontecer hoxe en día con Catalunya e o independentismo). Quizais o maior erro ideolóxico de Podemos foi pensar que o Estado é unha ferramenta neutra de clase ou en pugna e que pode ser arrebatado á clase burguesa sen máis. A realidade da famosa guerra de posicións é que tamén produce baixas e que as batallas de trincheiras se gañan se non se perde a perspectiva de que chegado o momento haberá que saltar sobre o inimigo. Podemos creouse dende o principio coma un canón de cristal electoral e sufriu o desgaste de tentar gañar posicións no institucional primeiro, sen ter a suficiente forza nin capilaridade social e segundo, sen ter en mente xamais o enfrontamento definitivo contra o Estado. Por desgraza, a clase burguesa non teme acometer golpes aniquiladores contra todo aquilo que lle supoña unha molestia: cloacas do Estado, aparellos parapoliciales ó servizo das empresas, lobbies económicos que dominan a opinión pública… nin Podemos resulta razoable para un sistema imperialista putrefacto.

Con isto non debemos caer no anarquismo de que nada é válido senón se trata do enfrontamento definitivo. Nós tamén somos conscientes das dificultades de desenvolver un poder paralelo ó do Estado e somos conscientes de que temos poucas balas como para desperdicialas ás primeiras de cambio. O que testemuña toda a experiencia da política institucional que busca transformación social tamén nesta fronte poderá desatar unha reacción á que quizais non se estaba preparado. A realidade é que a guerra de posicións de Podemos estaba a desenvolverse dende unha trincheira pouco profunda e mal fornecida, as causas probablemente unha mestura do optimismo da oportunidade, unha teoría do Estado naif e o máis perigoso foi quizais un descoñecemento de ate onde estaban dispostos a chegar os teus inimigos con tal de aniquilarte.

A reacción institucional e para-institucional desatada contra o independentismo e contra Podemos débenos facer lembrar que os tempos do cal vivo non son tan afastados e que a burguesía non fai prisioneiros cando é molestada. Con todo, tampouco debemos caer na apatía, o que demostraron os intentos previos é que o asalto ó poder debe seguir unha liña centralizada de acción revolucionaria en todas as frontes de loita posibles, que o poder nas institucións é estéril se non está a redundar nunha maior organización e recomposición da clase traballadora.

VOX E O TRIPARTITO DE DEREITA, POSIBLE DECLIVE DAS BISAGRAS

Na análise que realizabamos sobre as eleccións de abril falabamos fundamentalmente de dous fenómenos, o primeiro, aínda que non queriamos minusvalorar o perigo da irrupción de Vox analizabamos que gran parte do seu discurso xa se atopaba nas institucións dentro de PP e Cs e que ademais Vox servira para dar osíxeno á recuperación do PP evitando a desmobilización masiva do elector de dereitas. Temos sorte que as bases do fascismo neste país sigan tendo unha aspiración aristócrata e que aínda non pensen dar mínimas concesións á clase obreira.

Neste novo marco de urxencia política perante a crise económica e o toque de corneta do poder económico para consolidar un goberno estable Vox semella quedar fóra do taboleiro de xogo. Mais Vox non vai desaparecer de todo, quedará previsiblemente como un partido marxinal que como dixeramos servirá para introducir certos temas de vías reaccionarias á saída da crise que pode ser útil recuperar. Vox pode que desapareza xunto coa parte do seu discurso que non era operativa á oligarquía, pero non se vai sen deixar pouso e sen axudar a apertar a todos os partidos políticos contra Catalunya.

En segundo lugar, falabamos do papel fundamental que tiña Cs á hora de pechar un determinado goberno nun marco no que os partidos históricos do réxime non están a obter maiorías absolutas. Vaticinabamos un máis que posible trompazo de Cs pola presión que recibía dende a súa esquerda ante o rexeitamento a Vox e pola súa dereita máis chauvinista que resoaba de forma máis coherentemente co PP ou Vox. Neste proceso subestimamos o grao de ruína no que se atopaba o PP que explica como é posible que Cs puidese saír reforzado nas últimas eleccións. Con todo, as tendencias das que falabamos anteriormente de que podían levar á destrución de Cs son hoxe moito máis fortes que antes. En primeiro lugar, o PSOE que non deixa de botarlle olliños ó goberno “socioliberal”, pasou do discurso da España plurinacional ás présas por aplicar o 155 para contentar e absorber a gran parte do electorado de Cs. Doutra banda, o PP recuperouse, as enquisas danlles mellores resultados retomando o discurso da famosa centralidade, apelando ser a gran casa da dereita. A isto súmase os delirios de grandeza do noso Adolfo Suárez contemporáneo; Albert Rivera chegou a crer que podía ser o líder da dereita no noso país e os seus xefes fixéronlle caer en desgraza nos últimos meses. Roma non paga traidores nin tampouco a servos que se cren amos. Albert Rivera cegado de posibilismo esqueceu que é un pelele do IBEX35 e no tempo de desconto propuxo o “gran acordo nacional” a Pedro Sánchez para emendar os seus erros.

Como vemos claramente a oligarquía ten o guiso preparado, o primeiro prato é o pacto “socio liberal” entre PSOE+ CS+ MP e se este prato non chega a cumprir as expectativas ten un segundo de “responsabilidade de Estado” no pacto PSOE+PP que sempre estará aí. Como todo bo guiso da aristocracia do país cheira a podrecido, pota dos poderosos.

A ALTERNATIVA RESPONSABLE, TRABALLAR POLA NOSA CLASE

Sobre as alternativas, remitímonos ás liñas xa trazadas nas anteriores eleccións xerais, hoxe se cabe con máis razón, a néboa disipouse e o que hai uns meses podía parecer polémico, hoxe xa é cada vez máis claro para gran parte da clase traballadora.

Somos conscientes de que a inexistencia de referentes para desenvolver un traballo institucional axitativo pola revolución tamén é mostra da debilidade das organizacións extraparlamentarias, que aínda estamos en proceso de construír frontes de masas con programas políticos en positivo para a clase obreira. Con todo, vemos na presentación da CUP ás eleccións xerais un elemento que pode agudizar as contradicións nun eixo que produciu unha fractura real no Estado como é a cuestión nacional.

A clase obreira debe construír novos referentes revolucionarios capaces de crear un programa positivo para a clase para a consecución do proxecto revolucionario. Só un programa democrático en positivo para a clase obreira defendido por un Partido Comunista apoiado no pobo poderá ter un pulo real para tombar o sistema putrefacto no que vivimos. Se queremos que non se perda a aprendizaxe colectiva que se foi forxando tamén en loita contra o reformismo debemos dedicar todas as nosas forzas a construír o Partido da revolución.

O único programa político responsable pasa por facer aparecer á clase traballadora na historia, en construír o Partido que defenda os seus intereses en todas as frontes de loita pola revolución.

Go to Top