Abrir o sendeiro da revolución

2023-08-31T15:02:55+02:0029 de Maio, 2020|Opinión|

Nos finais dos anos sesenta no Perú, os comunistas peruanos atopábanse completamente divididos durante o transfondo das contradicións entre a Unión Soviética e a República Popular China. O Partido Comunista Peruano ( PCP) desmenuzabase en distintas fraccións que acabaron conformando organizacións independentes como o foron PCP-Bandeira Vermella e PCP-Unidade. Unha desas escisións sería coñecida no mundo enteiro como Partido Comunista do Perú – “Sendero Luminoso” nome que bebía da frase de José Carlos Mariátegui: «O marxismo leninismo abrirá o sendeiro luminoso cara á revolución». Este texto non pretende ser unha análise completa sobre esta experiencia histórica, se non, facer un inciso naqueles pasos iniciais que abrirían o camiño a que se coñeza “Sendero Luminoso” como a organización que puxo en xaque ao Estado peruano durante dúas décadas.

O nacemento de “Sendero Luminoso” ten lugar nun contexto de feroz división entre os comunistas peruanos no que todas as organizacións dicían apoiar a loita armada e a revolución socialista (co fragor aínda en mente da Revolución Cubana), pero ningunha parecía desenvolver ningunha liña concreta que fixese posible tales tarefas. A realidade é que para as masas populares peruanas nese momento non existía ningunha alternativa real para emprender o camiño da súa emancipación. “Sendero Luminoso” naceu entón coa tarefa por diante de dotar ao campesiñado e ao proletariado peruanos da súa ferramenta revolucionaria, de «Reconstituír o Partido». Non entendían a Reconstitución do Partido como un proceso abstracto de “renovación de siglas”, senón que ligaban a reconstitución dun órgano revolucionario co desenvolvemento dunha liña de masas. Este «traballo entre as masas» era a correa de transmisión que ligaba a organización comunista coa realidade concreta peruana. Era a que permitía rescatar “a análise concreta da realidade concreta” que o resto de organizacións comunistas non parecían chegar a por en práctica. Sen isto, non puideron ir corrixindo a súa liña política cara a construción dunha ferramenta revolucionaria nun proceso non lonxe de contradicións internas. Así é como o explicaba o Comité Permanente de “Sendero Luminoso”.

«Así, a cuestión crave é adherir con firmeza ás ideas correctas e combater as ideas erróneas na loita de clases das masas: confrontando as nosas ideas coa realidade é como veremos a corrección ou incorrección das formulacións ou puntos de vista e, por tanto, será máis factible a corrección de erros.» – Carta do Comité Permanente sobre o IV Pleno. p371

Esta formulación da necesidade dunha liña de masas para reconstituír o Partido xerou unha serie de contradicións internas que se resolverían democraticamente a través da loita de dúas liñas. En primeiro lugar, xurdiu no seo da organización unha liña esquerdista que consideraba que non era o momento de desenvolver ningún traballo de masas e que o momento era de “crítica e preparación” sobre as ideas marxistas en Perú. Así a resumía Abimael Guzmán nas súas “Memorias desde Némesis”.

«No Balance da Reconstitución do Rexional 14 de xuño do PCP (1972) sistematízase o liquidacionismo de “esquerda”: apartándose máis do II Pleno, redúcese toda a actividade partidaria a “crítica e preparación”. Estas, á parte de sustentarse na suposta existencia de “estabilidade do capitalismo”, aínda que non o diga expresamente, constrinxe a “crítica” ao estudo o desenvolvemento das ideas marxistas no Perú (sobre este punto elaboraron un esquema), esquecendo aplicar o pensamento de Mariátegui á situación concreta e desenvolver a súa liña política; mentres que a “preparación” enténdea e practica como separación, máis acentuada aínda, das masas e a loita de clases, reducindo a actividade “orgánica” a pequenos de intelectuais en cenáculo á marxe da tempestade e a contenda para que o fascismo, que “todo o varre” segundo eles, non os tocase; á vez que a súa preocupación fundamental o “papel do individuo na historia” e a “militancia como forma de vida” deviñan en “ anarquismo señorial”.»

Estas ideas que amputaban a capacidade práctica da organización serían derrotadas no IV Pleno do Comité Central. Máis tarde, en torno ao traballo de masas, xurdiron novas contradicións. Esta vez de corte dereitista. Esta liña dereitista, cualificada como “obreirista”, reducía a actividade da organización entre os proletarios das cidades á pura actividade sindical e supoñía un obstáculo para os obxectivos revolucionarios de “Sendero Luminoso” na súa fase de extensión da guerra popular “do campo á cidade”. Esta liña claudicaría rapidamente ao ser superada pola propia realidade da guerra popular do momento.

En última instancia, aquelas liñas esquerdistas e dereitistas acababan converxendo nun mesmo punto: a prosternación da práctica revolucionaria en pos dunha preparación previa. Uns porque consideraban que o elemento subxectivo non estaba listo e outros porque consideraban que non había suficientes forzas como para que o proletariado abordase as súas tarefas políticas.

Estas experiencias dos comunistas peruanos son un exemplo da relación entre o desenvolvemento da organización revolucionaria e a actividade das amplas masas e a súa expresión en diferentes movementos espontáneos. A virtude de “Sendero Luminoso” nisto é que foi capaz de desfacerse das visións reducionistas que refugaban toda relación entre planos superiores e inferiores de conciencia. Entenderon que as experiencias das masas e as súas formas espontáneas encerraban nos seus interior elementos conscientes que podían alimentar o desenvolvemento teórico e de plano superior de conciencia comunista. Entenderon tamén que non era suficiente con acumular experiencias das masas, que estas experiencias debían de sintetizarse en coñecemento, que debían de transformarse nese desenvolvemento teórico. E ademais, entenderon que só podían comprobar a corrección ou erro deste desenvolvemento teórico poñéndoo a proba no fragor da loita de clases. En definitiva, non sentaron a esperar que a realidade se presentase perante eles coa forma dun esquema abstracto previamente feito. Sen entender isto, non puidesen achar entre a realidade das masas peruanas ao indíxena campesiño como suxeito protagonista daquel movemento revolucionario. Isto último é imprescindible para poder explicar o éxito inicial desta experiencia revolucionaria e como foi capaz de poñer no fío da coitela ao Estado peruano.

Retomando aquela metáfora de Mariátegui, para abrir un sendeiro debemos de andar na paraxe sobre o que non se andou antes, pero sen perder xamais de vista o noso destino final.

Antonio García

Go to Top