Níxer, interimperialismo ou vello imperialismo francés?

2023-12-26T02:11:10+01:006 de Agosto, 2023|Opinión|

“Cando o imperialismo desata unha guerra de agresión contra un país así, as diferentes clases deste, agás un pequeno número de traidores, poden unirse temporalmente nunha guerra nacional contra o imperialismo. Entón, a contradición entre imperialismo e o país en cuestión pasa a ser a contradición principal, mentres tódalas contradicións entre as diferentes clases dentro do país quedan relegadas temporalmente a unha posición secundaria e subordinada”

Mao Zedong

Tras 38 anos baixo o xugo da administración francesa (1922-1960), Níxer logrou a súa «independencia». Porén, a día de hoxe —a menos que a nova Xunta Militar sexa quen de resistir a arremetida de Occidente e dos países dominados da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (ECOWAS)— continúa baixo a bota parisiense. Níxer sobreviviu, primeiro a un réxime colonial e agora ao imperialismo descarnado da Unión Europea (UE).

O pasado 26 de xullo, unha Xunta Militar liderada por Abdourrahmane Tiani alzouse sobre o Goberno monicreque de Mohamed Bazoum. Ao recibir a noticia, as rúas da capital, Niamey, enchéronse con milleiros de persoas que saíron celebrar o que pode significar a expulsión definitiva de Francia do país africano. Occidente tampouco tardou en responder e os principais representantes políticos do capital financeiro: o Alto representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell, e o Secretario de Estado dos Estados Unidos (EEUU), Antony Blinken, ameazaron ao novo goberno cunha intervención militar. Nesta ocasión os EEUU non dispoñen dun interese tan grande como o da UE na rexión africana —así a todo dispón dunha base militar en Agadez, centro clave polas súas prestacións para operar drons militares—, pero como director da orquestra imperialista a súa posición sempre ha de terse en conta.

A ECOWAS, pola súa banda, deu un ultimato de 7 días para restaurar o anterior goberno. Aínda que o senado de Nixeria (líder da ECOWAS) rexeitou a intervención, hoxe cúmprese a data límite e unha vez máis os comunistas do Estado español seremos meros contempladores daqueles sucesos que definen o rumbo da vida da nosa clase.

Níxer

A República de Níxer, situada no hemisferio norte do continente africano, é un país de arredor de 1.266.491 km² que conta cunha poboación aproximada de 24,5 millóns de habitantes. Para que o lector poida facerse unha idea, España presenta unha extensión de 505.900 km² e unha poboación de 47,5 millóns de habitantes. Francia, principal beneficiario do «espolio» do país africano, posúe 551.695 km² y 67,75 millóns de habitantes.

A esperanza de vida en Níxer é de 61,5 anos e a taxa de alfabetización é do 30%. O PIB anual é de arredor de 17.148 millóns de dólares, e o PIB per cápita é de 653 (nin sequera o 2% do PIB per cápita francés). O PIB provén principalmente da agricultura (37,9%), seguido de preto dos servizos (36,6%) e a industria (21,2%). A agricultura é principalmente de subsistencia, ocupando ao 80% da poboación (3% o sector secundario e 17% o terciario). Segundo o Banco Mundial, aproximadamente o 50% da poboación atópase por debaixo do limiar de pobreza.

A UE, sentinela dos «dereitos humanos», en colaboración co Goberno predecesor á Xunta Militar, durante 2022 e principios de 2023 puxo un plan en marcha para atraer o investimento estranxeiro a través da Cume da Unión Africana para a Industrialización, a Mesa Redonda de presentación do Plan de Desenvolvemento Económico e Social 2022-2026 e o I Foro Económico UE-Níxer onde participaron 70 empresas (16 españolas). Pola súa banda, o Goberno de Níxer, co obxecto de facilitar a chegada de empresas estranxeiras estableceu a Axencia Nacional de Promoción de Inversións Privadas e Proxectos Estratéxicos e creou a Eurocámara de Comercio. Tales movementos procuraban, principalmente, a regulación do sector da minería co obxecto de facilitar a súa explotación por parte de empresas europeas para o «desenvolvemento» do sector industrial [1].

En 2022, as exportacións de Níxer presentaron un valor de 535 millóns e as importacións de 2.353 millóns. Á UE exportouse por valor de 151 millóns (28,22%) e importouse por 353 millóns (15%). As exportacións distribuíronse principalmente en: combustibles minerais, aceites minerais e produtos da súa destilación e materias bituminosas (38,63%), minerais (28,60%) e perlas e pedras preciosas ou semipreciosas (12,01%). As importacións: cereais (17,03%), vehículos diferentes de trens e tranvías (8,23%), maquinaria (8,11%) e aeronaves e os seus compoñentes (7,91%). En 2021, por países, as exportacións acadaron un valor de 663 millóns (1.247 millóns en 2020 e 535 en 2022) onde Francia foi o principal beneficiado (23,16%), seguido de Malí (21,78%), Burkina Faso (14,44%) e Nixeria (10,01%), países fronteirizos, e Emiratos Árabes (9,06%). Sen rastro de Rusia. O «xigante asiático», ocupa o primeiro posto entre as importacións de Níxer: China (18,67%), Francia (14,14%), India (8,53%), Nixeria (7,52%) e EEUU (6,54%).

Por outra banda, o Investimento Estranxeiro Directo recibido foi de 755 millóns e a emitida de 58 millóns: Francia (50%), seguido de China, Costa do Marfil, Togo e Libia.

O uranio

Un dos motivos que levou a Francia a manterse en Níxer foi o descubrimento do uranio en 1957. A día de hoxe, este elemento é imprescindible para a produción de enerxía nuclear, onde Francia ocupa o segundo posto (63.130 MW), soamente por detrás dos EEUU. O 70% da electricidade producida polo país procede da enerxía nuclear. Este feito é importante en tanto que os datos esgrimidos no apartado anterior non teñen en conta a cadea de valor inherente ao desenvolvemento imperialista, a partir da cal, Occidente e Xapón son os principais beneficiados da explotación dos países do Sur Global. Non pode medirse cunha mesma escala a produción de uranio e a obtención de electricidade para oautoconsumo, que a súa obtención e posterior exportación con obxecto de incrementar a taxa de ganancia.

Volvendo a Níxer, é o sétimo produtor de uranio no mundo (5%) e o primeiro de África [2]. Constitúe case a totalidade das exportacións que recibe Francia e é empregado para producir o 40% da súa enerxía nuclear. A explotación do uranio en Níxer comezou en 1971 a cargo da Sociedade de Minas do Aïr (SOMAÏR), aínda que uns cantos anos máis tarde (1978) incorporouse a Compañía Mineira de Akokan (COMINAK) [3, 4]. Ambas entidades pertencen a Orano (Francia), que tamén dispón dunha participación maioritaria na mina de Imouraren que actualmente se atopa inactiva. A produción véndese principalmente aos seus socios en proporción ao seu capital a un «prezo de extracción» marcado polo Goberno. Dende 2012 o prezo é de 73.000 CFA/KgU (145$/KgU). Dada a ligazón do Franco da Comunidade Financeira Africana (CFA), primeiro ao franco e posteriormente ao euro, Francia e a UE poden importar mercadorías por un valor moi reducido en comparación con outros países [5].

China, a través de China National Nuclear Corporation (CNNC) (37,2%) e Zhongxing Joy Investment (5%) dispón do 42,2% da Société des Mines d’Azelik (SOMINA). Esta empresa estableceuse no país en 2007, porén, en 2015 a mina cesou a súa actividade debido á imposibilidade de facer fronte aos  sobrecustos de produción. Unha vez máis, o poder económico chinés viuse incapacitado para competir con Francia. Rusia, pola súa banda, nin está nin se lle espera.

Por último, Imouraren pertence a Orano Expansion, onde o 86,5% corresponde a Orano e o 13,5% a Korea Electric Power (Corea do Sur). En 2013 a CNNC tentou mercar sen éxito unha participación do 10%. Actualmente a mina atópase en proceso de optimizar o procedemento de extracción. Existen outros proxectos como Madaouela cuxa mina dispón, segundo GoviEx Uranium, dun dos maiores recursos de uranio do mundo. As principais empresas asociadas a este proxecto son Deninson Uranium (20%, Canadá) e GoviEx Uranium (10%, Canadá), aínda que Toshiba (9%, Japón), Ivanhoe Industries (EEUU, 6%) e Cameco (4%, Canadá) tamén teñen participación. O proxecto Dasa corre a cargo de Global Atomic Corporation (Canadá). Máis atrasado atópase o desenvolvemento do depósito Abokorum, onde se ben China (CNNC) en 2006 parecía que tomaba a dianteira, pronto se uniría Australia mediante Artemis Resources e posteriormente Orano, que deixarían atrás a China.

As porcentaxes non descritas pertencen maioritariamente ao Goberno de Níxer previo ao levantamento, xa que logo, en derradeira instancia quedaban de novo ao servizo do imperialismo occidental. Sen ir máis lonxe, Orano tan só paga ao Goberno un 5,5% do beneficio obtido pola extracción do uranio nas súas minas. De tal privilexio non dispoñen o resto de países.

Presenza militar de Francia

O 15 de agosto de 2022 Malí expulsou a Francia do seu territorio. Consecuentemente, miles de militares franceses víronse obrigados a abandonar o país. A Operación Barkhane trasladouse a Níxer, onde desde hai máis dun ano ao redor dun milleiro de soldados ocupan a capital. O interese de Francia na zona non se debe exclusivamente ao uranio —aínda que sen lugar a dúbida pode considerarse o elemento máis importante—, Níxer tamén produce o 10% do carbón mundial —aclamado mineral cuxa extracción é deslocalizada polos países imperialistas baixo o seu compromiso de non contaminar o planeta—, petróleo (300 millóns de barrís), cobre, prata, litio, etc [6].

Tras o masacre imperialista en Libia, de novo perante a atónita equidistancia dunha parte do comunismo do Estado español, Francia incrementou a súa presenza militar na rexión do Sahel. Estableceu o coñecido como G-5 do Sahel, un acordo militar que incluía a Burkina Faso, Chad, Mali, Mauritania e Níxer [7]. Este acordo permitiu o despregamento das forzas militares francesas por toda a rexión. Aínda que a actividade militar non é, en si mesma, condición sine qua non para determinar o carácter imperialista dun país, os datos esgrimidos anteriormente evidencian que este despregamento militar está destinado a defender uns intereses económicos esenciais para o imperialismo francés.

Conclusións

Como se puido observar, o dominio económico sobre Níxer é exercido case na súa totalidade por Occidente, principalmente por Francia. É certo que, tal e como se sinala no Liña Vermella nº.4 [8], a propaganda occidental xunto co innegable desenvolvemento económico de China, pode levar a sectores comunistas a considerar que o país asiático constitúe unha potencia imperialista. Porén, do mesmo xeito que sucede con Rusia [9], abonda dedicar un pouco de tempo á procura de referencias que lexitimen tal posicionamento para darse conta de que non queda fundado. É importante lembrar que un país capitalista non necesariamente configura unha potencia imperialista, o cal non nega o seu carácter explotador.

Anteriormente ofrecemos unha serie de datos onde, por unha banda, non fomos capaces de localizar a Rusia, e polo outro, vimos a China de pasada. A honestidade científica que debe procurar a nosa doutrina implica non asumir conclusións a priori para buscar máis tarde a súa xustificación teórica. Así sucedeu cunha parte considerable do movemento comunista coa guerra de Ucraína e así volveu a suceder co levantamento militar en Níxer.

O punto de partida debe ser recoñecer que o noso Estado pertence ao bloque imperialista constituído na UE. As tarefas políticas dos comunistas non poden abstraerse dese feito en ningún punto. Precisamente, unha das nosas principais tarefas é expoñer que non somos observadores pasivos e que o noso Estado nútrese en gran medida da explotación do resto do mundo. Por desgraza, moitos comunistas levan anos entendéndoo ao revés. Insisten en facer tábula rasa uniformando por completo as características dos estados capitalistas. Centran os seus esforzos en crear a ilusión dunha falsa equivalencia entre séculos de cruento espolio e os tímidos intentos de países semiperiféricos por recobrar un mínimo de autonomía. Calquera país que aspire a recobrar unha parte da súa soberanía —xa sexa económica ou militar— é catalogado de imperialista, independentemente do grao de explotación ao que o sistema capitalista mundial somete ao proletariado do devandito país —sen ir máis lonxe, China continúa sendo un emprazamento crave na cadea de valor para miles de monopolios occidentais a través dos cales explotan ao proletariado chinés e incrementan exponencialmente o seu beneficio—.

Como comunistas debemos ter presente que a «definición» de imperialismo a principios do século XX, aínda que supuxo un salto cualitativo e varreu do escenario socialista ao chovinismo da II Internacional, non serve para explicar a totalidade do seu desenvolvemento na actualidade. Seguir a «ao pé da letra» o «receitario» leninista de 1916 implicaría asumir que calquera país do mundo é hoxe imperialista. Consecuentemente, implica asumir que todo conflito é interimperialista.

E, a quen beneficia a defensa da tese do interimperialismo? Tristemente parece que moitos non aprenderon nada. O «nin OTAN nin Gaddafi» foi a vomitiva consigna de moda entre algúns comunistas mentres o exército norteamericano bombardeaba Libia. O mesmo sucedeu con Siria. Polo tanto, as preguntas que debemos facernos son: volverá a impasibilidade ante un suceso con potencial para debilitar ao imperialismo? Desde a máis feroz equidistancia, finxiremos descoido, e volverán lucir as posicións contrarias ao internacionalismo proletario? O noso traballo é loitar contra o Estado español, a UE e a OTAN. Nin máis, nin menos. E sendo sinceros, repartir equitativamente a crítica entre a OTAN e os seus inimigos parece unha forma bastante pobre de encomendarse á devandita tarefa.

Por Bruno Daimiel e Raul Tejada

Notas

[1] Oficina de Información Diplomática. República de Níxer.

[2] El Orden Mundial. Níger, atrapado en el uranio.

[3] World Nuclear. Uranium in Niger.

[4] Spain’s Enusa posee unha participación do 10%.

[5] Desde 1999, 1 euro equivale a 655,98 francos CFA. Este valor non só favorece o espolio do país africano, se non que permite á súa burguesía local o goce de mercadorías importadas cuxo prezo é inalcanzable para o groso da poboación.

[6] elDiario.es. El polvorín de Níger.

[7] Tricontinental. Defendiendo nuestra soberanía: bases militares estadounidenses en África y el futuro de la unidad africana.

[8] Iniciativa Comunista. Monográfico sobre imperialismo. Línea Roja nº.4.

[9] Adrián Rojas. La OTAN, Rusia y el fetiche del interimperialismo.

Go to Top