Só tes unha vida para organizar a Revolución

2023-08-31T17:03:42+02:0012 de Febreiro, 2020|Actualidade|

Este período expón ante o proletariado novas tarefas: a reorganización de todo o labor do Partido nun sentido novo, revolucionario, a educación dos obreiros no espírito da loita revolucionaria polo Poder, a preparación e a concentración de reservas, a alianza cos proletarios dos países veciños, o establecemento de sólidos vínculos co movemento de liberación das colonias e dos países dependentes, etc., etc. Crer que estas tarefas novas poden resolverse coas forzas dos vellos partidos socialdemócratas, educados baixo as condicións pacíficas do parlamentarismo, equivale a condenarse a unha desesperación sen remedio, a unha derrota inevitable. Facer fronte a estas tarefas cos vellos partidos á cabeza, significa verse completamente desarmado.

Os fundamentos do leninismo – I. Stalin

As comunistas que estamos nos diferentes destacamentos, ou incluso aquelas que non están en ningunha organización comunista pero si que traballan nalgunha fronte, tomamos conciencia no seu momento de que a situación de explotación actual non pode continuar existindo e hai que facer algo, pero temos claro a onde imos?

Pode semellar que todas camiñamos cara o mesmo obxectivo: a revolución que nos liberará do capitalismo e nos permitirá construír o socialismo. Pero a toma do poder non consiste en gañar unhas eleccións ou fortalecer de forma infinita cada fronte. O parlamento e as frontes son ferramentas, ao igual que a propia organización das comunistas. E precisamente esta última é a máis importante xa que é o que dota de sentido político a nosa actividade así como nos permite actuar da mellor forma en cada momento. A organización é a que nos fai comprometernos cos nosos ideais, é que a que nos permite unir a teoría coa práctica.

Pero non sería xusto pensar que xa o estamos? Será por organizacións comunistas! Podería ser, pero como actuamos nestas organizacións? Estamos achegándonos ao noso obxectivo? Estas son as preguntas que deberiamos responder para poder aprender da loita na que estamos inmersas. Estas son as cuestións que temos que tratar coa máxima honestidade, cos principios na man, non coas siglas, considerando camaradas ás demais comunistas organizadas noutros destacamentos.

Se estamos dispostas a rachar coas nosas rutinas e antepor o obxectivo ós egos persoais as comunistas poderemos traballar conxuntamente, corrixindo o rumbo cada vez que nos desviemos, superando cada contradición, construíndo o Partido.

Só tes unha vida para organizar a revolución, que a loita non se converta en rutina.

Go to Top