As demandas para a igualdade que hai anos sostiñan as faixas son hoxe propostas polos partidos e institucións. Ditas demandas, separadas do movemento popular que as configurou, convertéronse en consignas baleiras incapaces de explicar a situación das mulleres e de solucionar os seus problemas.
Ningunha receita institucional é eficaz para asegurar unha vida sa e autónoma das mulleres traballadoras. Os chamamentos á participación política e democrática dos partidos de esquerda supuxeron limitacións nas demandas, reorientándoas cara a reformas penais e retoques de leis laborais, sempre dentro dos estreitos límites asumibles polo sistema capitalista.
Aínda que algunha destas reformas poidan supoñer certo impacto positivo nas condicións das mulleres, o noso labor non pode ser acadar unha sociedade lixeiramente menos violenta ou cunha menor taxa de agresións. Os avances en torno ao chamado «Estado de Benestar», insuficientes e temporais, sostéñense ademais sobre a explotación da forza de traballo de mulleres migrantes e da clase obreira dos países dominados polas economías imperialistas.
A situación das mulleres non pode ser combatida por boas intencións nin por leis que apuntan a algunhas das consecuencias, deixando intactas as causas estruturais. Cómpre suprimir as condicións que permiten esa violencia: a dependencia económica, as situacións de coerción en esferas laborais e persoais que impiden defenderse da violencia sexual, os valores misóxinos que impregnan os produtos culturais, un modelo de familia que restrinxe ás mulleres e as ata ao traballo doméstico e a empregos precarios e baixos salarios… condicións que se retroalimentan entre si, asentando a dependencia e os lazos cos agresores e contornas opresivas.
A nosa proposta é clara: precisamos construír unha organización independente das institucións, capaz de sinalar as bases das relacións capitalistas como substrato do sometemento das mulleres, que promova a formación política e a capacidade de resposta das mulleres. Por iso, no Día Internacional da Muller Traballadora apelamos á necesidade de construír unha organización profesionalizada que transmita a ideoloxía revolucionaria á clase traballadora, especialmente ás mulleres, para que a organización comunista volva ser o proxecto consciente das masas.
As comunistas non debemos limitarnos a intervir nos espazos políticos xa existentes, senón que o noso labor pasa por dirixir á nosa clase. Só así poderemos destruír as paredes do labirinto no que nos encerraron
Poñamos todos os nosos esforzos pola emancipación das mulleres, pola organización comunista.