
Crise, guerra e precariedade: A urxencia de intervir no movemento obreiro
Avecíñase unha nova recesión económica e, coma sempre, a clase traballadora será a máis golpeada. Mentres as grandes empresas multiplican os seus beneficios e o Goberno alardea de estabilidade, as condicións de vida da maioría seguen deteriorándose.
Os servizos públicos derrúbanse mentres o Estado prioriza o gasto militar e o seu aliñamento co bloque imperialista. Non hai recursos para mellorar a sanidade, a educación ou o transporte, pero si para engordar o orzamento en defensa baixo a axenda belicosa da UE e a OTAN. Estas guerras, que só benefician ao capital occidental, serán pagadas co empobrecemento da clase traballadora, a súa precarización e a ameaza de novos conflitos.
No eido laboral, a explotación segue intacta. Véndennos o aumento do SMI e os contratos fixos-descontinuos como grandes avances, pero a realidade é que a precariedade se mantén e os salarios perden poder adquisitivo. A vivenda é inalcanzable, os prezos dos bens básicos soben sen control e as empresas seguen especulando co aluguer e a alimentación. Fronte a isto, o Goberno progresista cumpre o seu papel de contención, ofrecendo parches que frean a mobilización, pero que non cambian o fondo do problema: o sistema de explotación.
Os dereitos laborais non se conquistan con promesas nin con concesións da patronal. Sen conflito de clases, os salarios seguirán estancados e os convenios seguirán beneficiando ás empresas. A historia demostrou que só a loita organizada arrinca melloras reais. E non só iso: unha clase obreira combativa é a mellor defensa fronte á represión patronal, como demostra a condena ás sindicalistas de La Suíza, castigadas por desafiar a orde establecida.
Os comunistas non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres a explotación e a guerra se intensifican. É momento de reforzar a intervención no movemento obreiro, organizarnos nos centros de traballo, impulsar redes de apoio mutuo e plantar cara con determinación en cada conflito laboral. Recuperar a centralidade da clase traballadora non é unha consigna baleira, é unha necesidade urxente: só un movemento obreiro combativo pode enfrontar a precariedade, soster a solidariedade internacionalista e desafiar ao imperialismo.
Este 1º de maio, Red Roja e Iniciativa Comunista chamamos a transformar a indignación en forza organizada. Non hai atallos nin solucións máxicas: a alternativa revolucionaria constrúese na loita cotiá. Pero a resistencia non basta se non ten unha dirección política clara. É fundamental que a militancia comunista se una, supere a fragmentación e constrúa O Partido Comunista.
Sen organización non hai futuro, sen loita non hai vitoria! Recuperemos a centralidade obreira!