Altri, ou como o capitalismo é incompatible coa protección do medio ambiente

2024-12-13T18:41:22+01:0013 de Decembro, 2024|Actualidade|

O vindeiro domingo, 15 de decembro, o pobo galego manifestámonos en Compostela, en pé contra o proxecto de construción dunha planta de celulosa na comarca d´A Ulloa, o chamado Proxecto Gama, asociado á portuguesa Altri.

Se ben o proxecto nace da iniciativa privada, as institucións capitalistas non tardaron en mostrar o seu carácter de clase e sumarse a este atentado medioambiental. Así, o 8 de febreiro de 2022, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha declaración de apoio a prol dun proxecto de produción de fibras téxtiles de celulosa, xustificándoo con vagas referencias ao desenvolvemento económico, a creación de emprego e a sostibilidade. De feito contábase con percibir algúns millóns do fondo Next Generation da Unión Europea.

Naquel momento, o único punto de fisura entre as formacións a esquerda e dereita, nacionais e estatais, era o lugar onde se debería situar a planta. Cada día, os partidos socialdemócratas, tanto os do Estado español como os galegos, actúan como burócratas ao servicio dos intereses do capital, mentres lanzan consignas máis ou menos radicais, e, nesta ocasión, actuaron tal e como se esperaba.

Co paso do tempo foron agromando os detalles do proxecto. Como é habitual, os capitalistas, conscientes do rexeitamento popular das consecuencias medioambientais da súa busca de beneficios, recorren a técnicas como o greenwashing e operan baixo nomes comerciais menos coñecidos. Así, neste proxecto, se ben a empresa a quen está legalmente atribuída a titularidade da planta é Greenfiber —que se presenta como sostíbel, responsábel e demais cualificativos optimistas—, quen realmente se atopa detrás son a lusa Altri e a galega Greenalia.

Altri é un conglomerado portugués, produtor de celulosa a partir da madeira de eucalipto, e con sona ecolóxica polo seus vertidos e consecuente contaminación do río Texo. Pola outra banda, de Greenalia sabemos que é un empresa galega dedicada ás enerxías renovábeis —eólica, solar e biomasa forestal, principalmente—, estando detrás da maioría de proxectos eólicos na Galiza. Curiosamente —enténdase con ironía—, no seu consello de administración está presente unha figura do PP, que foi Conselleira de Traballo e Benestar e tamén de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O obxectivo de Greenalia é a produción anual dunhas 400.000 toneladas de celulosa e unhas 200.000 de lyocell, unha fibra empregada na industria téxtil e cunha comercialización orientada fóra de Galiza. A fábrica, que se tentou presentar como un proxecto “verde”, pronto deixou ver as súas consecuencias negativas: un consumo de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto cada ano e 46 millóns de litros de auga que serían extraídos diariamente do río Ulla, amais de vertidos e emisións contaminantes.

No referente á primeira materia prima, a auga, de materializarse o proxecto, produciranse vertidos no mencionado río, implicando unha ameaza para a biodiversidade ao longo do seu percorrido, incluíndo a súa desembocadura, na Ría de Arousa. Así, é de esperar unha severa afectación nos sectores económicos agrícola, gandeiro, pesqueiro e marisqueiro.

Amais, a posta en marcha da planta irá da man dun aumento da demanda de madeira de eucalipto, é dicir, dun fortalecemento dos alicerces do fenómeno da eucaliptización na Galiza, algo que nunha conxuntura de quecemento global serve para acrecentar a problemática dos incendios forestais.

Tamén levará consigo a emisión de grandes cantidades de gases contaminantes, implicando unhas inquietantes emisións que superarían ás do conxunto de celulosas do Estado. Estímase que se acadarían as 100.000 toneladas de gases de efecto invernadoiro, e iso sen contar outros contaminantes como o óxido de nitróxeno e de xofre, metais pesados, etc. Unhas emisións que son un risco para a saúde das persoas, xa que van parellas a enfermidades respiratorias, e para os ecosistemas, pois eses contaminantes poden producir choivas ácidas, tendo un efecto negativo tamén no sector produtivo agroalimentario.

Como pasa con todos os macroproxectos que supoñen unha afectación ao medio ambiente, os seus promotores, primeiro intentan ocultar ou maquillar os impactos negativos sobre o ecosistema e as persoas. Unha vez se rebate esa defensa, preséntanse como a única solución para o desenvolvemento económico de áreas deprimidas, supoñendo calquera crítica un rexeitamento deses “postos de traballo”, nun marco de debate imposto pola ideoloxía burguesa. Pero é que neste caso, a promesa de postos de traballo era unha quimera, pois dos 2.000 postos inicialmente anunciados, semella que non se chegará nin aos 300.

Ante un vaticinio tan funesto non sorprende unha reacción, non só por parte da veciñanza do concello de Palas de Rei e da comarca d´A Ulloa, senón tamén da sociedade galega, da comunidade científica e de colectivos ecoloxistas. Unha desaprobación que quedou manifesta en varias manifestacións, como a de Palas de Rei do 26 maio (cuns 20.000 participantes) ou a de Compostela do 30 de xuño (cuns 30.000). E aínda está por vir a que mencionabamos ao inicio deste artigo.

Ante esta mostra de malestar social as tres forzas políticas burguesas presentes no Parlamento de Galicia ocuparon unhas posicións previsíbeis. En primeiro lugar, o PP cumpre co seu papel de ferramenta do capital exercendo de apoio institucional para sortear as trabas burocráticas, e ademais conta, como xa mencionamos, con algún dos seus membros no consello de administración de Greenalia. Despois están os socialdemócratas, cada un deles cunha escenificación distinta. Por unha banda, temos un PSOE xogando un rol caracterizado pola pasividade ante o asunto, seguramente inmobilizado pola conmoción xurdida da contradición entre apoiar ao capital ou amosarse como unha forza de “esquerdas”. Pola outra banda, a socialdemocracia máis radical, o BNG, pasou de ser partidario inicialmente do proxecto de fabricación de fibras téxtiles a converterse no maior abandeirado da loita contra a macrocelulosa.

A planta de Altri é outro exemplo máis da imposibilidade de protexer o medio ambiente no marco dun sistema capitalista. Un sistema baseado na procura eterna e voraz de beneficios e no crecemento ilimitado como motor de si mesmo non é compatible nin coa conservación do noso planeta nin coa saúde das persoas e, en particular, do proletariado.

Esta situación, repetida mil e unha veces, nunha sorte de déjà vu constante, lémbranos de novo a cita de Marx, de indubidable actualidade: “O capitalismo tende a destruír as súas dúas fontes de riqueza: a natureza e os seres humanos”

As empresas responsables pretenden enganar ao proletariado, anunciando unha serie de beneficios para a comarca que, ademais de estar inflados, traen como contraprestación un dano medioambiental que terá consecuencias sobre a nosa saúde e incluso sobre as actividades económicas do sector primario, que tamén supoñen o sustento de gran parte da comarca e da ribeira do río Ulla. En definitiva, este proxecto é un exemplo concreto do funcionamento do sistema capitalista: beneficios para uns poucos burgueses a costa de miseria para a maioría, que o máximo que recibirá serán migallas.

Do aquí exposto podemos sacar algunhas conclusións:

  • A afirmación, un tanto tautolóxica, de que o sistema capitalista, na busca constante de aumentar os beneficios, está disposto a calquera cousa con tal de acadar os seus obxectivos sen importar as súas consecuencias, xa afecten estas ao medio ambiente ou ás persoas.
  • Queda patente a inoperancia da política burguesa para dar solucións ás consecuencias do modelo produtivo. Pois as súas actitudes son o apoio, a indiferenza ou unha mera crítica baseada nunha retórica ecoloxista, é dicir, que ningunha delas propón unha alternativa ao modo de produción capitalista.
  • A patente necesidade de rachar co sistema capitalista e a construción dun novo modo de produción que non busque o beneficio dunha minoría, senón que aspire a garantir os medios produtivos e reprodutivos da maioría social.

A defensa do medio ambiente só se pode dar desde a nosa clase. Para ter o poder necesario para protexer o planeta necesitamos disputarlle o poder á burguesía.

Organicémonos! Reconstitúamos o Partido!

Go to Top