Construír o Partido, construír a Independencia

2024-07-22T20:30:55+02:0025 de Xullo, 2024|Actualidade|

Como cada 25X, denunciamos nas rúas e nas redes a opresión do Estado español sobre o noso país. Ao mesmo tempo, somos conscientes de que a mera denuncia non é suficiente. As comunistas galegas temos traballo por facer, xa que actualmente na Galiza non existe un partido de vangarda capaz de organizar a revolución.

Sen unha organización proletaria de vangarda, sen o Partido, non podemos levar a cabo a revolución coa que acadar a liberación da nosa clase. A independencia de clase é innegociable para nós, polo que debemos deixar atrás as vellas estruturas de organizacións interclasistas: primeiro o proletariado debe organizarse como clase, para despois, unha vez constituído o Partido, establecer por medio deste posibles alianzas tácticas. Para a construción do Partido, consideramos necesario realizar unha análise concreta da realidade mediante un estudo marxista e afastado de dogmatismos, identificando as necesidades para a reconstitución e as problemáticas ou particularidades propias na Galiza. Entendemos que é esencial estudar a posición da Galiza na cadea imperialista e como se reproduce e manifesta a opresión nacional.

As posturas actuais do MCG pecan de simplistas, consecuencia desa falta de estudo e tamén da hexemonía do nacionalismo galego. Atopamos, por unha banda, un seguidismo acrítico que asume que a Galiza é unha colonia e que precisamos dunha independencia previa ao socialismo, e pola outra, un reducionismo á inversa, rexeitando calquera posición do movemento nacionalista pero sen unha análise seria da realidade galega. Por suposto, o nacionalismo galego non está exento de crítica e non representa directamente os intereses do proletariado, pero iso non anula a necesidade de estudar as súas propostas políticas e solucións organizativas para así poder deslindar experiencias e problemáticas propias da Galiza que nos axuden na reconstitución do Partido.

Dende Iniciativa Comunista tentaremos aportar o noso gran de area, pero entendemos que estas tarefas abranguen a todo o MCG. Por iso, animamos ás comunistas galegas a colaborar na elaboración destas análises. Cómpre rematar coa dispersión do MCG, abandonar os sectarismos e avanzar cara á unidade comunista arredor duns principios claros: independencia de clase e dereito á autodeterminación. Con estes principios, será o proletariado galego quen decida o seu futuro!

Galiza ceive! Avante a revolución!

Go to Top