O circo que reforza o sistema

2024-02-15T10:42:24+01:0015 de Febreiro, 2024|Actualidade|

Case catro anos despois, a cidadanía da Galiza volve ser emprazada para participar na festa da democracia. Volve así o espectáculo, normalmente construído arredor da enésima persoa carismática, co que durante uns meses os distintos grupos políticos nos entreteñen. Xa que logo, non nos sorprende ver a membros do goberno recollendo pellets para a foto, do mesmo xeito que hai anos outros apagaban lumes.

Aínda que non podemos obviar que cada cita nas urnas ten as súas particularidades, a historia é a mesma de sempre en todas as democracias burguesas. O sistema ofrece unha serie de alternativas que pretenden canalizar calquera contestación ao Estado a través deste. Nesta ocasión podemos escoller, ademais das distintas opcións marcadamente reaccionarias, varias formas de socialdemocracia estatais e tamén a nosa propia socialdemocracia galega.

Durante estas datas, as forzas políticas parlamentarias esquecen as limitacións do propio sistema para mellorar as condicións materiais do proletariado, e prometen toda clase de medidas máis ou menos radicais que en moitos casos saben que non van poder aprobar, xa sexa por falta de forza parlamentaria ou pola propia legalidade burguesa que asumen.

As contradicións son especialmente acusadas en aspectos como o imperialismo: mentres no discurso do BNG apreciamos críticas ao imperialismo e, en particular, á ocupación levada a cabo por parte do Estado de Israel na Palestina, a participación no goberno a que aspiran estas forzas pasa polo pacto co PSOE, cuxo goberno apoia a Israel, tanto por medio de operacións militares como mediante a venda de armamento

Así, independentemente do seu discurso, ningunha das forzas políticas parlamentarias cuestiona, na praxe, o propio sistema, senón que forman parte del e o lexitiman, e as súas propostas políticas, por moito que se presenten como radicais, van ser aplicadas sobre a base dun ordenamento xurídico burgués que non vai permitir calquera mellora que poña en risco o funcionamento da maquinaria imperialista do Estado español.

Os programas políticos, pese a ser en moitos casos brindes ao sol, dan conta da natureza reformista dos seus postulados. Un caso paradigmático son os alugueiros de vivenda, que espremen á clase traballadora e non deixan de aumentar. As medidas propostas polas forzas progresistas consisten en axudas ao alugueiro e na promoción de vivenda por parte das institucións, pero en ningún caso se propoñen accións que comporten un risco para os beneficios dos propietarios, cuxos dereitos son protexidos por enriba dos da nosa clase.

Non podemos loitar contra a opresión do sistema capitalista coas súas ferramentas. A única solución pasa por organizarse como clase, reconstituíndo o Partido para a revolución.

Go to Top