Non pasarán por riba das mulleres!

2023-08-31T17:02:45+02:002 de Marzo, 2020|Actualidade|

Nos últimos tempos vimos como o inimigo das mulleres traballadoras se manifesta na súa forma máis reaccionaria: o fascismo. Cando pensabamos que a loita feminista tiña garantido algúns dos dereitos máis básicos para as mulleres, a historia avisa e dinos claramente que nada está asegurado.

Coa incansable mediatización do discurso máis misóxino e reaccionario, vimos locais e centros de mulleres atacados, os autobuses de Hazteoír paseando o seu discurso homófobo polas cidades do Estado, o tradicionalismo católico perseguindo penalmente a feministas e a Folga Xeral do 8 M sendo satanizada pola extrema dereita con ampla cobertura televisiva. Nestes meses, ademais, o “trifachito” xa está a aplicar o seu programa político en Murcia ou Andalucía, onde implantaron o chamado “pin parental”.

Máis aló da caricatura fácil do señorito engomado con chaleco e pulseira de España, ou o nostálxico do Franquismo encadeado no Val dos Caídos, o fascista, que como diría Bertolt Brecht non é máis que un burgués asustado, defende por riba de todo os seus intereses de clase. O fascista busca a precarización e a pobreza das traballadoras, é o empresario que explota e abusa das migrantes sen papeis baixo ameaza de deportación, o que prohibe sindicarse ás traballadoras, o que vive a todo tren pero se nega a pagar o Salario Mínimo ás súas traballadoras, o que despide ás mulleres se denuncian acoso sexual, o que nega a violencia de xénero e ó mesmo tempo a exerce, o putañeiro que trafica con prostitutas, o que quere decidir sobre a maternidade…

O seu programa para as mulleres: precariedade laboral, maternidade imposta e servilismo doméstico. O noso inimigo quere aumentar as xornadas parciais, flexibilizar os horarios de traballo, custo cero para as empresas nas baixas relacionadas co embarazo, fomento do teletraballo, excluír da Sanidade Pública ás nosas irmás da clase obreira migrante, eliminar o aborto da mesma ou crear unha “baixa maternal escolar” para que as menores embarazadas se ausenten do seu centro educativo durante o tempo necesario.

Aínda que o fascista ten un vínculo sentimental, fetichista e ideolóxico co pasado máis escuro, non deixa de ser un home do seu tempo, do capitalismo en crise que segue buscando a dominación da clase obreira. Quere ás mulleres explotadas no traballo e servís no fogar para asegurar os seus beneficios empresariais. O fascismo é o burgués de sempre pero sen careta. É a punta de lanza do patriarcado e o capitalismo.

O actual Goberno “progresista”, que comparte institucións con estes elementos, é incapaz de tomar medidas ambiciosas para paliar a pobreza crónica que as mulleres traballadoras sufrimos baixo o modelo de produción capitalista. É incapaz de frear á burguesía máis reaccionaria e a súa ofensiva programada contra os dereitos máis básicos das mulleres.

A clase traballadora ten un claro inimigo e é común para todos os seus suxeitos. As mulleres seremos relegadas aínda máis á explotación e servidume se cremos que ó inimigo común podemos vencelo soas, se non entendemos que a nosa miseria é a miseria común á nosa clase, se non entendemos que a “España, grande y libre” que volve amosar as súas fauces forma parte do proxecto económico da burguesía española.

O noso inimigo ten claro o seu rival e os seus aliados, e por iso nos avantaxa. Dende Iniciativa Comunista a nosa consigna para o 8 de marzo é clara: construamos a defensa antifascista das mulleres traballadoras!

Contra a alianza criminal do capital e o patriarcado!

Construamos a unidade da clase contra o noso inimigo!

Non pasarán por riba dos nosos dereitos!

Go to Top